domingo, 4 de julio de 2010

¿MULLERES NAS LETRAS GALEGAS?

Cada 17 de maio celebramos dende o ano 1963 o día de honra das nosas letras. Aínda que tan só sexa un día ao ano, damos pulo de todos aqueles que ao longo das nosas vida, collemos un lapis para escribir un poema, un relato ou unhas letras na nosa lingua: o galego.

Foron tres homes da Real Academia Galega (RAG), Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, os causantes de que se instaurase esta data, a do 17 de maio, como Día das Letras Galegas. Os tres puxeron as miras nunha muller para situala como abandeirada deste día de homenaxe ás nosas letras: Rosalía de Castro.

Celébranse no ano 63 os cen anos da publicación do libro “Cantares Gallegos” da máis grande autora galega. Atendendo a esta idea, os membros numerarios someten pois a consideración da xunta xeral da RAG, a proposta de declarar o día 17 de maio, Día das Letras Galegas por ser a partir da publicación do libro da padronesa, cando @s galeg@s recuperamos parte do noso sermos galeg@s.

Nada máis ilustrativo para entender o valor da obra rosaliana que a proposta literal dos académicos:

(…) 1º.- Todos sabemos que o libro rosalián editado en 1863, ten sido a primeira obra mestra con que contou a Literatura Galega Contemporánea. A súa aparición veu a lle dar prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria. Representa, pois, un fito decisivo na historia da renacencia cultural de Galicia.
2º.- A celebración do centenario diste acontecemento, convida a reconsiderar o siñificado do mensaxe transmitido nos "Cantares". Un mensaxe que, tanto como espírito e pobo, tanto como universalismo e galeguidade, foi, esteticamente, un mensaxe de palabra e poesía.
3º.- Velahí por qué, ademais dos aitos conmemorativos que se organicen pra reaitualizar na conciencia das xentes o acento de tal mensaxe, a Academia -como órgano oficial da nosa cultura- debería consagrar, con caracter de perdurabilidade, o simbolismo da data nunha celebración anual.
4º.- O mellor xeito de o conseguir sería que acordase declarar Día das Letras Galegas, o 17 de maio de cada ano, a partir do presente. Contaríase así, pra o porvir, cunha xornada oficialmente adicada a honrar ós nosos libros. O día 17 de maio de cada ano viría ser a data destinada a recoller o latexo material da actividade inteleitual galega.
5º.- Ninguén descoñece que o libro ten unha forza simbólica extraordinaria. Sendo a amosa máis reveladora do nivel cultural dos pobos, non é de estranar o afán de esparexelo e de lle abrir camiños pra ensanchar o ámpido dos seus leitores. No caso de Galicia, ningunha data máis axeitada pra enaltecer e difundir o libro eiquí producido, que a que conmemora a pubricación da obra coa que se encetou o prestixio contemporáneo das Letras galegas. (…)1

Tras ser aprobada a proposta, a figura literaria de Rosalía dará o pistoletazo de saída a unha celebración na que cada ano se honra a un/unha autor/autora. Resulta sen embargo paradoxal usar neste caso o feminino ao mesmo nivel que o masculino, xa que en corenta e seis anos de letras galegas, poucas son as mulleres ás que se ten homenaxeado, tan poucas que a proporción é ridícula ¡3 de 46!, con esta cifra pouco máis nos queda que argumentar...
Así que vaia dende as nosas páxinas o sentido recordo un ano máis á iniciadora destas homenaxes, ás nosas letras, Rosalía de Castro, e por suposto ás poucas que xa foron e ás moitas que desexamos que sexan.

Cristina Corral Soilán

1 www.realacademiagalega.org/letters/GoToHistory.do

No hay comentarios:

Publicar un comentario