domingo, 4 de julio de 2010

ENTREVISTA A LOLA GARCÍA ROMANELLI, ARTESÁ CENTONEIRA

LOGARO, UNHA VIDA ENTRE TEAS

Entrevista a Lola García Romanelli, artesá centoneira




O taller de Lola está cheo de vida. Cando penetras nel todo é luz, cor, las, fíos, teas... e non podes deixar de mirar ás paredes, aos andeis, ás cestiñas que enchen cada espazo, porque en todo o que Lola toca hai sempre algo que ver, que se unha caixiña de tea, que se un caixón no que estás desexando revolver, que se un aparello de facer calcetíns... O taller de Lola é como o xoguete soñado que todos e todas quixemos ter algunha vez, e o mellor de todo é que cada cousa forma parte da súa historia persoal, desa que como ela mesma di vai do deseño industrial á costura e finalmente acaba desembocando no patchwork, ou na "retacería" que é como se lle chama en España. En fin, que non nos fai falta ver a súa carta para saber que ante Lola de Logaro estamos cunha artesá dos pés á cabeza.


Para @s non iniciad@s como definirías o patchwork ou a retacería? En que consiste?

Desde o meu punto de vista, a retacería, que habitualmente se coñece como patchwork consiste na construción de pezas textís a través da reciclaxe de teas, baseadas principalmente en deseños con figuras xeométricas. Poderíase dicir que eu traballo coas cousas que a outros lles sobran, por exemplo catálogos de camisas que os fabricantes envían ás fábricas e que logo se tiran, ou patróns que saíron mal e non serven para montar a peza... pois con esas teas constrúo eu as miñas pezas.


Canto tempo levas facendo patchwork?

Pois xa hai uns catorce anos. A verdade é que eu me dedicaba á enxeñería, colaborando en diversos proxectos de investigación, porque esa era a profesión que eu estudara, pero co cambio de goberno recortouse o pago aos investigadores e investigadoras e tiven que deixalo, así que entre outras cousas empecei a traballar no sector téxtil, sobre todo por necesidade económica. Pero cansada de facer roupa apunteime a un curso de tear: A profesora, que era americana comentounos que a súa irmá era moi afeccionada ao patchwork. Cando me explicou que era isto espertou a miña curiosidade, sobre todo polo tema das figuras xeométricas realizadas con tea nestas pezas e apunteime a un curso de patchwork con Rosario Casanova en Xirona no ano 94. Así fixen o meu primeiro curso e desde entón xa non o deixei.

Cando foi a primeira vez que recordas ter unha tea na man?

Veño dunha familia humilde, e a verdade é que calquera recurso que proporcionase ingresos era benvido, así que a miña nai fixo desde sempre traballos con tea, la, etc., co cal o meu primeiro xoguete foi unha tea. Na miña casa somos mañosos, o meu pai de non ser chapista sería un excelente escultor do metal e a miña nai igual, por iso púñanos a todos a axudarlle. Cando facía bordados de niños de abella en vestidos, o meu pai pasaba os fíos, a miña nai bordaba e nós quitabamos os papeis cuadriculados que soportaban o bordado coma se dun xogo se tratase. Recordo con agarimo e agradecemento o facer do traballo artesán un xogo en familia.

Como marca elixiches "Logaro". Por que? Que significa?

Pois é a miña sinal de identidade, algo tan simple como as iniciais do meu nome, Lola García Romanelli, é o que conforma o meu universo, desde que asinaba os exercicios do colexio ata que agora puxen en funcionamento a miña propia marca de produtos artesáns. Logaro son eu mesma.

Está recoñecida esta profesión como tal?

Valórase moito polo traballo que implica, aínda que non é moi coñecida porque é relativamente recente en España, e en Galicia, que é onde eu traballo. Aquí hai moito descoñecemento acerca dela. É certo que hai xente que recorda cousas similares en casa dos seus avós. En xeral hai que recoñecer que Galicia é unha comunidade que valora o traballo dos artesáns, quizais esta foi unha das razóns que me levou a querer obter a carta de artesá aquí, pois mentres noutras zonas as cartas páganse en Galicia tes que demostrar que vales ou ben co teu traballo ou facendo horas da artesanía á que queres representar... nesta comunidade estase potenciando bastante o traballo artesanal, de feito eu realicei aquí o primeiro curso de retacería da Fundación Centro Galego de Artesanía e iso xa é un paso.


En que lugar do Estado atopas máis vestixios desta técnica, a retacería?

Onde se cultivou máis esta actividade é en Cataluña, elas son moi vangardistas e doutra banda o mercado téxtil en xeral é moi amplo, pero no que a tradición se refire dentro do país hai que falar de Logroño e das �almazuelas�. Esta é unha técnica de retacería típica da zona que tamén consiste en unir pequenos anacos de tea e posteriormente acolchalos, algo que estudou e traballou Lola Barasoaín socia fundadora en 1998 da A.E.P. (Asociación española de Patchwork). Resúltame estraño que en Galicia que tamén hai unha boa tradición de artesanía e téxtil, non exista, aínda que probablemente sexa debido a un tema de desaparición de vestixios por ocultismo ou vergoña. Non hai que esquecer que aquí as modistas traballaban con axudantas, estas lles sisaban tea para facer roupas e esas pezas había que ocultalas, porque unha peza feita de restos era algo en certo xeito de segunda categoría e vergoñento, por iso tamén era o primeiro do que se desfacían ao mudarse de casa. Ao fin e ao cabo a imaxe era algo que se coidaba moito.

Que calidades ha de ter un/unha bo/a retaceiro/a?

Sobre todo paciencia, en contra do que cre a xente, non é necesario ter unha técnica de costura ampla, a forma de coser retacería é moi sinxela e diferente á forma de coser convencional. Pero con todo a paciencia é necesaria para escoller o deseño, seleccionar as teas, buscalas, esperalas, atopalas, recortalas, compoñelas. A habilidade conséguese adestrando, pero a paciencia é algo que hai que ter como base para facer patchwork. Tamén é bo ser creativo/a, de feito a personalidade queda fortemente reflectida nas pezas que cada unha fai, en formas, en cores e ata os estados de ánimo de cada momento.

Quen queira dedicarse a isto con que ha de contar?

Regra, lapis, tesoira, alfinetes, papel cuadriculado, cartón, materiais básicos e teas que queiras reciclar. É certo que se te dedicas a comprar teas, non é unha actividade barata porque se creou en torno á retacería un mercado en ocasións innecesario. Facilítache a tarefa si, pero concibindo o patchwork como unha actividade de reciclaxe. Como é o meu caso resulta sinxela e accesible e non é necesaria tanta parafernalia.

Tes traballado e aprendido con comunidades fóra do Estado, por exemplo cos amish, como foi esa experiencia?

Pois estiven con eles hai dez anos, e este ano volvín de novo, o máis interesante en canto a patchwork é a súa técnica e o máis chamativo é a súa atemporalidade, as súas quilts ou mantas que en cen anos non variaron os deseños, nin as cores, que son moi específicos nos seus labores, pero a súa técnica é impecable, algo digno de aprender. Teñen unha filosofía de cor incrible, algo que levan ata ás coadas nos seus tendais, pero malia todo iso as súas pezas encaixan en calquera ambiente decorativo, sexa moderno ou rústico. Unha peza amish sempre vai quedar ben� Ademais disto, dos amish e do seu xeito de traballar saco esa idea da intercomunicación entre aqueles/as que participan na elaboración dunha peza, é un xeito de charlar, de compartir, de saber do/a outro/a, unha filosofía que eu me trouxen para as miñas clases�

Cal é a túa peza favorita? Hai algunha á que lle teñas especial agarimo?

Unha peza na que fixen a casa onde naceron os meus fillos, de todas as maneiras todas son especiais, sobre todo porque son un reflexo da miña vida. Cada unha ha ter o seu momento especial nela, de feito vendo as pezas acórdome de por onde ía a miña vida.

A que publico van destinadas as túas pezas? Son encargos ou falas ti como creación espontánea?

Pois hai de todo, ás veces recibo encargos de casas de turismo rural para decoración, outras veces pezas que teño xa feitas se venden en feiras e noutras ocasións por exemplo en caso de vodas ou celebracións diversas encárganmas como agasallo conxunto de varias persoas. Tamén hai particulares que queren pezas concretas e llas fago. En xeral é un público de mediana idade e con posibilidades económicas, porque o traballo artesán implica un investimento.

E onde se poden adquirir? fas exposicións?

Pois fundamentalmente é ás feiras a onde levo o meu material tanto no Estado como é o caso da Feira de Artesáns de Ourense ou internacionais, como Os Xogos Náuticos Celtas, que cada ano se celebran nun lugar diferente, na súa última edición na Bretaña francesa, alí tamén estivo Logaro. E por suposto a través de Internet. Tamén fago de cando en vez exposicións como foi o caso do Liceo de Ourense ou o Museo Téxtil de Allariz, calquera escaparate é bo para unha artesá.

Veste dedicándote a isto sempre?

Bo, a verdade é que en Logaro non hai só patchwork, é algo que vai abarcando moitas cousas, en Logaro fanse complementos e accesorios de todo tipo. De feito actualmente estou moi centrada nisto, e é algo que está saíndo ao mercado con moita fluidez e que levo a feiras e tendas, concretamente a última feira foi o showroom do Ollo Atómico en Madrid, unha feira do Antimuseo de Arte Contemporánea que foi un exitazo. Non sei, a verdade é que isto é o que me gusta facer e si, véxome dedicada sempre a isto, por algo deixei a inxeniería. A artesanía é sen ningunha dúbida a miña vida.

Cristina Corral Soilán

Máis información:

www.logaro.com
www.loladelogaro.blogspot.com/

No hay comentarios:

Publicar un comentario